29 representantes da UVigo no ránking de investigadores máis citados da Universidade de Stanford

Profesores/as e investigadores/as da nosa facultade aparecen no ránking de investigadores e investigadoras máis citados da Universidad de Stanford

29 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo forman parte do 2% de científicos máis citados do mundo, segundo se pode extraer da máis recente actualización do ránking elaborado pola Universidade de Stanford, que reúne nunha base de datos aos 186.000 científicos e científicas máis influentes en 22 campos e 176 ‘subcampos’. O catedrático David Posada sitúase un ano máis á fronte da representación da Universidade de Vigo neste ránking, no que figura entre os 700 investigadores e investigadoras citados no mundo, sendo tamén o décimo máis referenciado no campo da Bioloxía Evolutiva e o primeiro en España neste eido.

Elaborada por John P. A. Ioannidis, da Stanford University, xunto con Kevin W. Boyack, de SciTech Strategies, e Jeroen Bass, de Elsevier, esta base de datos ten como obxectivo proporcionar “información estandarizada” sobre o número de citas, a partires dun indicador creado para este proxecto e co que establecen dúas clasificacións de investigadores e investigadoras, tendo en conta ou non as autocitas a traballos previos. A súa última actualización, publicada recentemente por Plos Biology, sitúa 29 investigadores e investigadoras da UVigo entre os máis citados do mundo ao longo da súa traxectoria e un total de 36 no que referido á produción científica no ano 2020.

Ler a nova completa no DUVI