Investigadores de Iberos, entre os máis citados da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos) conta entre os seus membros con investigadoras e investigadores da eurorrexión Galicia- Norte de Portugal, que destacan por publicar en revistas de grande impacto e acumular citas por parte das e dos seus colegas. Isabel Pastoriza e Jorge Pérez Juste, do grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, son os dous investigadores co maior índice h (baremo que mide a cantidade de citas que reciben os artigos publicados por cada investigador e, na práctica, utilizado para determinar a súa calidade profesional) da institución académica viguesa, con cerca de 60 ambos os dous. No caso de Pastoriza, destaca por número de citas o seu artigo sobre nanolámpadas para modulación inducida pola luz da función celular, que poderían implementarse en fotomedicina con dispositivos de control sen fíos ultraprecisos. Pola súa banda, Pérez Juste é coautor dun artigo publicado en Nature Materials no que se describen métodos de ultradetección de contaminantes en alimentos baseados no mecanismo de comunicación que utilizan as bacterias, denominado quorum sensing.

Cun índice h de preto de 50, destacan os investigadores Carmen Álvarez e Ángel Concheiro, do grupo I+D Farma da Universidade de Santiago. Tamén no marco de Iberos, estes investigadores acumulan citas sobre os seus artigos arredor da medicina rexenerativa e a terapia localizada. No caso de Álvarez, o seu artigo publicado na revista Biomaterials conta con cerca de 200 citas. Nel descríbese a colaboración con investigadores xaponeses que logrou demostrar in vivo por primeira vez que é posible deseñar lentes de contacto capaces de incorporar fármacos e liberalos de forma sostida na superficie ocular. De Concheiro destaca o artigo en colaboración con investigadores rusos que describe o deseño de hidroxeles sensibles a temperatura e pH para o seu uso na administración de medicamentos de xeito controlado.

Ler a noticia completa no DUVI