A UVigo patenta un dispositivo alternativo para a análise in situ de contaminantes

Na actualidade existen no mercado dispositivos colorimétricos comerciais empregados para a determinación semi-cuantitativa de diversos parámetros analíticos individuais. Son sistemas rápidos, de baixo custo, que poden ser empregados por persoal non especializado e que permiten realizar análises ‘in situ’ de xeito sinxelo, sen necesidade de transportar as mostras a laboratorios centrais. Non obstante, este tipo de kits comerciais poden dar lugar a perdas de analito, o que afecta á exactitude e precisión do método e supón un risco, debido á exposición aos vapores xerados, ademais de presentar unha sensibilidade limitada, o que se traduce na incapacidade para determinar baixas concentracións de analito. “Este factor é especialmente relevante cando se trata de determinar analitos cuxos límites máximos permitidos (por riba dos que se producen riscos significativos para o medio ambiente e/ou a saúde humana) son moi baixos”, explica o docente e investigador do grupo QA2, Química Analítica e Alimentaria, e do Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo Francisco Javier Pena. Co obxectivo de dar solucións ás limitacións dos kits colorimétricos comercializados no mercado internacional, o grupo QA2 desenvolveu un dispositivo que permite, en combinación con sistemas de dixitalización e procesado de imaxe dispoñibles, a determinación dunha ampla variedade de contaminantes volátiles ou non volátiles, como arsénico, mercurio, amonio, bromuro, cloro libre, sulfito, sulfuro ou cianuro, mediante a formación dunha forma volátil do analito.

Ler a noticia completa no DUVI