Estudantado da UVigo opinan do Grao en Química: video 1 | video 2 | video

A Química é a rama da ciencia que estuda as propiedades, composición e estrutura da materia, así como as transformacións que experimenta por medio de reaccións químicas.

A Química é unha das ciencias que máis contribúe ao benestar da sociedade, xa que xoga un papel fundamental na protección da saúde e o medio ambiente, na mellora das condicións hixiénicas e sanitarias, na obtención cualitativa e cuantitativa de alimentos para toda a humanidade e na fabricación de produtos que permiten mellorar a calidade das nosas vidas.

Grazas ao traballo dos químicos dispoñemos de polímeros, plásticos, papel, pinturas, aliaxes, medicamentos, xabóns, deterxentes, cosméticos, pesticidas, abonos, combustibles ou disolventes. A depuración da auga, o control de contaminantes e toxinas ou o desenvolvemento de novos medicamentos e materiais teñen unha base esencialmente química.

Pola súa permanente capacidade de innovación, a Química seguirá ofrecendo solucións aos retos futuros que a afronta a nosa sociedade e tendo un enorme impacto sobre o progreso de todos os campos de actividade dos seres humanos.


 

Obxectivos xerais

O obxectivo xeral do título é proporcionar aos estudantes unha formación que lles capacite para exercer a profesión regrada de Químico. A partires da aprendizaxe continuada e do razoamento crítico, os graduados adquirirán capacidade de organización, planificación, análise e síntese para poder proporcionar servizos de calidade aos cidadáns.

 

Obxectivos específicos

  • Inculcar nos estudantes un interese pola aprendizaxe da Química, que lles permita valorar as súas aplicacións en diferentes contextos e involucralos na experiencia intelectualmente estimulante e satisfactoria de aprender e estudar.
  • Proporcionar ao alumnado unha base sólida e equilibrada de coñecementos químicos e habilidades prácticas.
  • Desenvolver no alumnado a habilidade para aplicar os seus coñecementos químicos, teóricos e prácticos, á solución de problemas en Química.
  • Desenvolver no alumnado, mediante a educación en Química, un rango de habilidades valiosas tanto en aspectos químicos como non químicos.
  • Proporcionar aos estudantes unha base de coñecementos e habilidades para a inserción laboral en áreas especializadas de Química ou áreas multidisciplinares.
  • Xerar nos estudantes a capacidade de valorar a importancia da Química no contexto industrial, económico, ambiental e social

 

Saídas profesionais

  • Os graduados en Química poden realizar actividades no ámbito da industria química, a docencia e a investigación, e noutros campos relacionados coa química como as ciencias da saúde, o medio ambiente, a asesoría e a xestión comercial ou a seguridade e a hixiene no traballo.
  • No ámbito da industria química, as actividades dos químicos inclúen a investigación, deseño, desenvolvemento, transformación, conservación, produción e control de fármacos, alimentos, cosméticos, deterxentes, fertilizantes, praguicidas, plásticos, vidro, cerámica, cemento, papel, produtos químicos básicos e auxiliares para a industria.
  • No ámbito dos servizos, os químicos teñen relación coa prevención de riscos laborais e a hixiene industrial, o almacenamento e o transporte de mercancías perigosas, o tratamento, o almacenamento e a eliminación de residuos nucleares, industriais, agrícolas e urbanos.
  • O ámbito da xestión inclúe actividades relacionadas coa dirección técnica e comercial, o control de calidade de procesos e de produtos e o control de calidade medioambiental.
  • Tanto na Administración pública coma no sector privado, os químicos poden realizar actividades en laboratorios de análise química, análise clínica, análise forense, análise bioquímica ou de control de calidade.
  • No ámbito da docencia, os químicos son necesarios en ensinanza secundaria e bacharelato, nos ciclos de formación profesional e na universidade, así como formadores/as de empresas.
  • No ámbito da investigación básica e aplicada, os químicos dedícanse, entre outros, ao deseño de novos materiais (catalizadores, polímeros, materiais cerámicos, materiais intelixentes), á procura de novas fontes de enerxía, ao deseño de novas drogas asistido por ordenador e ao desenvolvemento dunha química sostible que contribúa á conservación do medio ambiente.