As novas tecnoloxías permiten que a información sexa cada día moito máis accesible para todo tipo de públicos. Para aproveitar esta accesibilidade, Miguel Arenas, profesor da Facultade de Química da Universidade de Vigo decidiu poñer en marcha o proxecto Divulgación virtual de bioloxía á sociedade, unha iniciativa destinada a difundir entre a cidadanía os coñecementos que o alumnado adquire na súa materia a través dunha páxina web. Para isto, o docente emprega nas súas horas de clase a metodoloxía de aprendizaxe-servizo (ApS), unha estratexia que, como explica Arenas, “resulta motivadora para o estudantado, xa que se senten útiles ao achegar beneficios á sociedade”. En definitiva, trátase de que o alumnado aprenda ao tempo que realiza un servizo á comunidade, algo que o docente considera “amplamente positivo e recomendable” fronte a un sistema educativo no que non é usual a aplicación dos contidos que se ensinan.
O proxecto, que arrancou en setembro co comezo do curso, insírese na programación da materia Bioloxía, impartida no primeiro curso do Grao en Química. O obxectivo é deseñar e poñer en marcha unha web que recolle unha ampla selección de conceptos biolóxicos e as súas explicacións científicas. O docente é o encargado de propoñer contidos e as e os estudantes debaten sobre o mellor xeito de abordalos na plataforma. Aínda que a páxina está en proceso de elaboración, ao rematar o cuadrimestre comprenderá contidos relacionados, por exemplo, coa estrutura celular dos seres vivos; a división e o ciclo celular; o deseño xeral do metabolismo; a fotosíntese; o ADN; o ARN ou o sistema inmunitario. Sobre os destinatarios, Arenas avanza que é accesible para calquera tipo de público, pero a súa idea inicial é que esta web serva principalmente para mellorar a formación do alumnado pre-universitario, en concreto, o seu obxectivo é “proporcionar o material seleccionado a diferentes centros de educación secundaria” da contorna.