Interese académico, científico e profesional do título

A Química é unha ciencia que, desde o século XVIII, foi evolucionando nos seus coñecementos constantemente ata a actualidade, do mesmo xeito que o seu ensino avanzou desde os seus inicios paralelamente ao desenvolvemento científico. Por iso, pódese afirmar sen ningunha dúbida que a Química constitúe unha disciplina «clásica» dentro da actividade académica universitaria en todo o mundo.

A Universidade de Vigo impartiu desde a súa creación, en 1990, a licenciatura en Química, ao principio seguindo o plan de estudos de 1973 (BOE número 280 de 22/11/1973; BOE número 193 de 13/08/1977) e, desde o 2001 (BOE número 204 de 25/08/2001), o plan de estudos que se imparte na actualidade. A Facultade de Química dispón dun persoal amplo de profesores, maioritariamente novos (idade media de 45 anos) con elevada formación académica (todos doutores e maioritariamente con formación posdoutoral no estranxeiro).

Os estudos de Química na Universidade de Vigo están plenamente consolidados na actualidade. Boa proba diso é que:

  • A Facultade de Química é o centro que maior produción científica ten en toda a Universidade de Vigo.
  • Varios grupos de investigación da facultade foron avaliados como grupos de referencia dentro da Comunidade Autónoma. Ademais, en todas as áreas de Química, existen varios grupos de investigación que obteñen financiamento externo, tanto de programas nacionais como autonómicos, de forma habitual.
  • O programa de doutoramento Química: “Fundamentos e Aplicacións”, elaborado polos departamentos de Química Inorgánica, Química Física e Química Orgánica, obtivo a Mención de Calidade na convocatoria do ano 2006 (MCD2006-00178).
  • Na actualidade, a Facultade de Química participa nun Programa Oficial de Posgrao interuniversitario coa Universidade de Santiago de Compostela, para impartir un “Máster en Química Avanzada” e estudos de doutoramento nos que se integrou o programa citado anteriormente. Este novo doutoramento interuniversitario tamén obtivo a Mención de Calidade.
  • Ademais, algún profesorado da facultade participa noutros programas de doutoramento que obtiveron a Mención de Calidade: “Programa de Química Teórica e Computacional”, “Programa de Electroquímica: Ciencia e Tecnoloxía”, “Programa de Ciencia e Tecnoloxía de Coloides e Interfases” e “Enxeñaría Química”, e “Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida”. Tamén é impartido por profesorado da área de Química Analítica o Programa de Doutorado/Máster “Química Analítica Aplicada ao Medio Ambiente, Alimentos e Saúde”.
  • Algún profesorado das áreas de Química Analítica e Enxeñaría Química viñeron impartindo as 4 edicións do “Magister de Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca”, título propio da Universidade de Vigo.

A evolución do volume de estudantado foi decreciente nos últimos anos. Así, en poucos anos pasouse de ter unha entrada de 150 estudantes novos en primeiro curso (con límite de prazas) a cantidades progresivamente decrecentes. O valor máis baixo tivo lugar no curso 2006/2007, con 19 estudantes de primeira matrícula no primeiro curso. No curso 2007/2008 houbo un repunte significativo, con 37 estudantes de primeira matrícula.

Esta acusada diminución no número de estudantes non foi exclusiva da Facultade de Química, senón que se produciu de forma paralela na maior parte das titulacións de Química que se imparten en todo o estado.

A industria química en España constitúe o cuarto sector industrial en importancia (aprox. 10%) tanto en cifra de negocios (44.036 millóns de euros no 2005) como en produto interior bruto (PIB) (11.598 millóns de euros no 2005), por detrás do sector de alimentación, bebidas e tabaco, do sector de metalurxia e produtos metálicos e do sector de material de transporte (Radiografía e Perspectivas do Sector Químico Español, FEIQUE, Xullo 2007).

A distribución da industria química non é homoxénea en España. Así, en Cataluña xérase case a metade da produción (46%). Xunto a Madrid, Valencia e Andalucía, agrupan o 75% do total da produción química española. En Galicia, só existen dúas empresas relacionadas coa industria química que poden considerarse grandes: a refinería de REPSOL YPF na Coruña e a planta de produción de aluminio e derivados de alúmina de ALCOA en San Ciprián (Lugo). O resto da industria química atópase distribuído en pequenas e medianas empresas.

O Informe Final sobre a Cadea Química-Farmaceútica do Foro Caixanova de Estratexias Empresariais (Febreiro 2007) corrobora os datos xa citados e recoñece, entre outras, como debilidades da cadea:

  • A existencia dunha importante heteroxeneidade interna
  • O limitado peso da industria química e farmacéutica galega no ámbito estatal

Ditas afirmacións están apoiadas polos seguintes datos que proporciona:

  • A facturación estimada da cadea en Galicia (2003) é de 2.161,7 millóns de euros.
  • O valor engadido bruto (VAB) estimado da cadea en Galicia (2003) é de 702,6 millóns de euros.
  • O 62,8% das empresas dedícanse á comercialización e facturan o 49,7% do total.
  • O 37,2% das empresas dedícanse á fabricación e facturan o 50,3 % do total.
  • O peso relativo do VAB da cadea sobre o total do VAB en Galicia é do 2,09%.

De todos os xeitos é importante mencionar que a distribución do sector químicofarmacéutico en Galicia non é homoxénea. Así, o VAB da cadea na área metropolitana de Vigo representa o 43,86% do VAB da cadea en Galicia estando moi por encima do valor medio para todos os sectores, que é do 30,86%. Ademais, a cadea químico-farmacéutica é a cuarta cadea por importancia na área metropolitana de Vigo, por detrás da automoción, da construción e reparación naval e da pesca e produtos transformados do mar. Dentro da comunidade autónoma galega, a provincia de Pontevedra é a que máis contribúe na cadea químico-farmacéutica ás exportacións (220,1 millóns de euros dun total de 541,4 millóns de euros en 2005) e ás importacións (693,7 millóns de euros dun total de 919,2 millóns de euros en 2005).

En resumo, o sector químico-farmacéutico en Galicia aséntase maioritariamente na provincia de Pontevedra, sobre todo na área metropolitana de Vigo. Está constituído por pequenas e medianas empresas en actividades tales como plásticos e resinas sintéticas, pinturas, vernices e recubrimentos, colas, adhesivos e pegamentos, produtos de limpeza, pesticidas, fertilizantes, perfumería e cosmética etc.

O informe “A Demanda de titulados por parte das PEMES galegas”, elaborado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e publicado no ano 2007 da unha imaxe relativamente ampla e fiable do mercado de traballo en Galicia.

A maioría dos traballadores con titulación universitaria empréganse nos sectores servizos (41,7%) e industria (39,3%) e pertencen ás ramas de coñecemento de ensinos técnicos (43,3%) e de ensinos sociais e xurídicos (42,9%). Os traballadores con titulación universitaria pertencente á rama de ciencias experimentais constitúen soamente o 9,6% do total.

Con todo, unha análise por titulacións mostra que Química é a quinta titulación que xera máis emprego (7,4%), despois de ADE (20,9%), economía (10,1%), enxeñarías técnicas (8,5%) e enxeñaría industrial (8,7%).

Conxugando ambos os datos dedúcese que a titulación dominante da rama de coñecemento de ciencias experimentais nas PEMES é a licenciatura en Química (77,6%) seguida de Física e Matemáticas (7,5% cada unha). O estudo estima un total de 1425 traballadores que posúen a licenciatura en Química, dos cales o 76% son mulleres.

Ademais, o estudo realiza unha estimación da demanda de contratación de titulados nos próximos 12 meses. Nel, suxire que as PEMES contratarán no próximo ano un total de 1332 traballadores, dos cales o 4,7% serán da rama de ciencias experimentais. Nesta situación hipotética volve aparecer a titulación de Química como a máis demandada (60%).

Algúns estudos suxiren que existe unha forte descompensación entre a oferta de titulados por parte das universidades e a demanda por parte das empresas. Aínda que no ámbito das ciencias experimentais puidese ser así, cos datos sinalados a titulación de Química debe ser a que presenta menor desaxuste. Ademais, nos devanditos estudos a oferta analizouse a partir de datos que non tiveron en conta o descenso no número de estudantes nos últimos anos, xa mencionada.

As funcións máis demandadas polas PEMES galegas aos licenciados universitarios son múltiples, orientándose maioritariamente ao campo da produción. As menos demandadas son asesoría xurídica e fiscal (86%), recursos humanos (72%) e investigación (61%). Isto explícase, principalmente porque o tamaño das empresas non permite unha excesiva especialización dos postos de traballo, e polos limitados medios dispoñibles.

Os aspectos máis valorados polas empresas á hora de contratar un licenciado son:

  • Formación académica: a titulación estudada e a realización de prácticas en empresas son ben valoradas. Valórase pouco o expediente académico, a formación posterior (másteres e posgraos) e a reputación do centro formativo de procedencia.
  • Formación adicional: valóranse moito os coñecementos de informática a nivel usuario (software) e manexo das TICs (internet, correo electrónico, etc.). O coñecemento de idiomas non aparece como determinante para a contratación de persoal, o que se explica polo baixo grao de internacionalización das empresas.
  • Outros aspectos: valórase amplamente a experiencia laboral previa, a actitude durante a entrevista de traballo e as referencias doutras persoas. Valóranse moito menos os aspectos relacionados coa mobilidade laboral (disposición a viaxar, a residir fóra da localidade de orixe, etc.).

En resumo, valóranse considerablemente aspectos non académicos, en especial os coñecementos de informática, a experiencia laboral, o comportamento durante a entrevista, as prácticas durante a carreira e as referencias previas doutras persoas.

As competencias, destrezas e habilidades máis valoradas polas empresas á hora de contratar un licenciado son:

  • A orientación ao cliente (75,7%)
  • Capacidade de aprendizaxe e adaptación aos cambios (96,6%)
  • Actitude positiva (97,3%)
  • Capacidade de asumir responsabilidades (92,5%)
  • Resolución de problemas (96,6%)
  • Traballo en equipo (94,9%)
  • Capacidade de planificación, coordinación e organización (91,9%)
  • Capacidade de comunicación oral (77%)
  • Resolución de conflitos (80%)

A capacidade de liderado é moito menos valorada (44,4%).

Os titulados en Química poden acceder a un traballo relacionado cos seus estudos fora do ámbito empresarial (grandes empresas e PEMES). Aínda que non dispoñemos de datos cuantitativos, o sector público é capaz de captar un bo número de titulados nos seguintes ámbitos:

  • Educación secundaria. A titulación de Química é predominante entre os mestres de secundaria da especialidade de Física e Química e ten unha presenza importante, xunto a físicos e enxeñeiros, na especialidade de Tecnoloxía.
  • Laboratorios oficiais. Hai un número relevante de químicos nos laboratorios de distintos organismos, tanto estatais como autonómicos ou locais (Por exemplo: aduanas, control de toxinas mariñas, análises clínicas en hospitais, laboratorios municipais de augas, etc.).
  • Educación universitaria e investigación. As tres universidades do SUG ofrecen a titulación de Química xunto a outras titulacións relacionadas (Farmacia, enxeñarías, etc.), que absorben un número importante de titulados.
    Ademais, a Consellería de Innovación e Industria está a levar a cabo políticas activas de fomento da investigación que favorecerán a contratación de persoal especializado. Estas políticas diríxense nun dobre sentido:

    • Por unha banda está a realizar cuantiosos investimentos en políticas de achegamento entre a industria e a universidade financiando proxectos ás empresas, o que debería permitir superar as actuais reticencias e transferir coñecemento en ambos os sentidos, ademais de crear unha cultura crecente de investigación, desenvolvemento e innovación que favoreza a creación de departamentos de I+D+i nas empresas.
    • Ademais, está a financiar a formación de investigadores e tecnólogos con catro programas de perfís específicos: María Barbeito (predoutoral), *Ánxeles Alvariño (posdoutoral no estranxeiro), Isidro Parga Pondal (posdoutoral de reincorporación) e Lucas Labrada (tecnólogos). Este persoal deberá incorporarse aos centros de investigación públicos e privados que xa existen ou que se van a ir xerando nun futuro próximo.

Desde o punto de vista educativo están a vivirse desde hai uns anos cambios profundos, tanto nos ensinos medios como na universidade. O resultado é que o estudante medio que se matricula actualmente por primeira vez na universidade é completamente distinto ao que o facía hai poucos anos (o mesmo sucede cando chegan por primeira vez a unha entrevista de traballo).

Sen entrar en xuízos de valor nin en análises sociolóxicas, algunhas das características relevantes que posúen os estudantes que chegan por primeira vez á Facultade de Química e que os diferencian claramente dos de xeracións anteriores son:

  • Carecen dalgúns coñecementos considerados básicos en Química, Física e Matemáticas. De feito, moitos deles non cursaron en segundo de bacharelato algunha(s) desas tres materias.
  • A súa capacidade de traballo é escasa e só se logra que realicen un esforzo adecuado cunha motivación elevada.
  • Están perfectamente adaptados ás novas tecnoloxías. Posúen unha formación elevada en moitos aspectos non directamente relacionados coa Química.

Desde o curso 2005/2006 está a desenvolverse na Facultade de Química un Plan Piloto para a adaptación ao espazo europeo de educación superior (EEES). A implantación realizouse de maneira progresiva aumentando desde primeiro un curso cada ano. Neste curso académico 2008/2009 implantouse o cuarto curso da licenciatura. A pesar de que o plan de estudos co que se implantou este sistema educativo non fora deseñado con este fin, ensaiáronse cambios metodolóxicos e organizativos que, por unha banda, provocaron unha profunda reflexión sobre a actividade docente nun amplo sector do profesorado da facultade e, por outro, proporcionaron mellores resultados académicos por parte do estudantado. Así, a formulación dos obxectivos en termos de competencias, a redución da carga presencial nalgunhas actividades docentes, a introdución da avaliación continua nas diferentes materias, a creación de equipos de coordinación tanto vertical como horizontal e a titorización continuada do traballo realizado polo estudantado resultaron claves na devandita mellora.

Este esforzo de innovación docente da facultade é fundamental para poder dar ás necesidades formativas do estudantado que chega cada ano á facultade novas respostas e solucións máis eficientes.

 

Normas reguladoras do exercicio profesional

A regulación das competencias profesionais dos químicos atópase recollida nos seguintes documentos oficiais:

 

Decreto do 2 de setembro polo que se regula a situación profesional dos licenciados en Ciencias Químicas (BOE número 68, 25 de setembro de 1955)

Artigo 1º. Os Licenciados en Ciencias, Sección de Químicas, están facultados para exercer actividades profesionais de carácter científico e técnico na órbita da súa especialidade. Estas actividades profesionais comprenden a actuación en tarefas directivas executivas ou de asesoramento en entidades que requiren asistencia e colaboración de carácter científico na especialidade de Química, sexan os seus fins de índole comercial ou doutra natureza; e o libre exercicio da profesión de Químico definida pola realización de investigacións, estudos, montaxes, análises, ensaios, taxacións e actividades similares e pola emisión de ditames, certificacións ou documentos análogos en asuntos de carácter químico.

Artigo 3º. Os Doutores en Química Industrial gozarán dos dereitos sinalados nos artigos precedentes e ademais poderán asinar proxectos de realización de instalacións e actividades industriais de carácter químico, que serán igualmente admitidos a trámite ante as corporacións públicas.

Artigo 4º. O Título de Licenciado en Ciencias, Sección de Químicas, habilita ao seu posuidor para ocupar nas administracións estatal, provincial ou municipal prazas de funcionarios técnicos, cuxas misións sexan equivalentes en categoría e responsabilidade ás sinaladas no artigo primeiro.

 

Decreto 2.281/1963 do 10 de agosto (BOE número 216), polo que se equipasen as facultades profesionais dos Licenciados en Ciencias Químicas coas dos Doutores en Química industrial, recoñecendo aos primeiros tamén a facultade de asinar proxectos.

Artigo 2º. Os Licenciados en Ciencias, Sección de Químicas, gozarán das mesmas facultades profesionais que atribúe aos Doutores en Química Industrial o artigo 3º do Decreto do 2 de setembro de 1955.

Definíndose mesmo campos de habilitación concretos:

Artigo 8º do Decreto do 7 de xullo sobre Ordenación da facultade de Ciencias, BOE do 4 de agosto de 1944):

O título de Licenciado en Ciencias (Sección de Químicas), habilita para os cargos seguintes:

  • Químicos municipais e provinciais
  • Químicos de Institutos de Hixiene
  • Químicos de Aduanas
  • Químicos de todo organismo do Estado, Provincia ou municipio, Monopolios e empresas dependentes, aínda indirectamente, do Estado en que se requira esta función específica.
  • Químico de empresas privadas.

En concorrencia con outros titulados de profesionalidade similar, servirá para emitir os ditames analíticos que haxan de fornecer efecto oficial, e terá validez para o establecemento de laboratorios de análises químicas.

Decreto 1163/2002 do 8 de novembro (BOE número 274 do 15 de novembro), polo que se crean e regulan as especialidades sanitarias para químicos, biólogos e bioquímicos.

Establece que os Licenciados en Química poderán acceder ás seguintes especialidades sanitarias:

  • Análises Clínicas.
  • Bioquímica Clínica.
  • Microbioloxía e Parasitoloxía.
  • Radiofarmacia.

Os químicos exercen a súa actividade profesional en numerosos campos, algúns dos máis significativos son:

  • Investigación, desenvolvemento, deseño, enxeñaría e control de procesos químicos industriais.
  • Investigación, desenvolvemento, produción, transformación e control de substancias, compoñentes de medicamentos humanos e veterinarios.
  • Investigación, desenvolvemento, produción, transformación, control e conservación de todo tipo de alimentos.
  • Investigación, desenvolvemento, produción, transformación, control, conservación, almacenamento e distribución de produtos químicos básicos.
  • Investigación, desenvolvemento, produción, transformación, control, distribución de produtos de perfumería e cosméticos, xabóns, deterxentes e outros produtos de limpeza e abrillantamento.
  • Investigación, desenvolvemento, produción, transformación e control da explotación industrial racional e sustentable dos recursos naturais (petroquímicas, siderúrxicas, madeireiras e papeleiras, cementeiras, industrias de cerámicas e vidro, etc.)
  • Investigación, desenvolvemento, produción, transformación e control dos produtos auxiliares para a industria (disolventes, aditivos, catalizadores, lubricantes, etc.)
  • Investigación, desenvolvemento e control de produtos agroquímicos (fertilizantes, praguicidas, etc.)
  • Investigación, desenvolvemento e control de materiais para a industria electrónica.
  • Investigación, desenvolvemento, produción e control de produtos relacionados con radioquímica, isótopos estables e inestables.
  • Investigación, desenvolvemento e control en procesos de restauración.
  • I+D+i en empresas e institucións, tanto públicas como privadas.
  • Ensino da Química nos termos e niveis educativos establecidos pola lexislación vixente.
  • Estudos e análises químicos, físicos, bioquímicos e inmunoquímicos de mostras biolóxicas, incluídas as de orixe humana.
  • Estudos de datación.
  • Investigación e desenvolvemento en Química biolóxica, xenómica e proteómica.
  • Técnico Superior de Departamento de Análise ou de Control de Calidade, deseño dos protocolos de traballo e control, etc.
  • Responsable de calidade de produto.
  • Responsable de procesos de acreditación e validación de laboratorios e instalacións de proceso. Inspector e Auditor de calidade (tanto de proceso como ambiental).
  • Proxección, instalación, dirección, xestión e control de laboratorios de análises e control de calidade, xa sexan químicos, industriais, etc.
  • Proxección, instalación, dirección, xestión e control de plantas piloto.
  • Estudos de impacto ambiental e de avaliacións de impacto ambiental
  • Instalacións relacionadas cos Sistemas de Xestión Ambiental (SIGMA) nas empresas (control de gases, depuración de augas, xestión de residuos, etc.)
  • Tratamento, almacenaxe e/ou eliminación de residuos nucleares, industriais, urbanos e agrícolas.
  • Tratamento e potabilización de auga.
  • Responsable técnico de transporte de mercadorías perigosas.
  • Prevención de Riscos Laborais-Técnico Superior de Hixiene Industrial.
  • Administración en postos da súa competencia profesional e do seu nivel académico.
  • Asesoramento científico e técnico sobre temas químicos.
  • Comercialización e asistencia técnica ao cliente, comprador ou usuario do produto, equipo etc.

En xeral, en todas aquelas actividades que gardan relación coa ciencia e a tecnoloxía química, nos ámbitos comunitario, estatal, autonómico, provincial…

 

Referentes externos á universidade

O principal referente externo foi o Libro Branco do Grao en Química, elaborado pola Conferencia Española de Decanos de Química (CEDQ) dentro do programa de converxencia europea da ANECA.

Ademais, consultouse a seguinte documentación doutras asociacións e institucións:

  1. Proxecto Tuning Educational Structures in Europe. Ademais dos documentos xerais elaborados tivéronse en conta os seguintes documentos específicos relativos aos estudos de Química:
    1. Informe final da fase 1 do proxecto piloto
    2. Summary of outcomes. Chemistry
  2. Informes relativos ao Eurobachelor en Química, elaborados pola asociación European Chemistry Thematic Network (ECTN)
  3. Documentación relativa ás especificacións da titulación de Química no Reino Unido, publicada pola Quality Assurance Agency for Higher Education

A influencia destes documentos no resultado final foi variable. Exemplos significativos desta influencia son que se asumiron completamente os acordos da Conferencia Española de Decanos de Química en canto a carga mínima das diferentes materias no desenvolvemento da titulación e sobre a inclusión dunha materia denominada Proxecto. Tamén se tiveron en conta os requirimentos para a obtención da etiqueta de Eurobachelor á hora de dimensionar o Traballo Fin de Grao.

 

Procedementos de consulta empregados para a elaboración do plan de estudos

A Comisión para a Elaboración do Plan de Estudos foi nomeada pola Xunta de Facultade o 14 de Marzo de 2008 e está constituída por un representante de cada unha as seguintes áreas: Química Analítica, Química Física, Química Inorgánica, Química Orgánica, Enxeñaría Química, Matemáticas e Física, un estudante da licenciatura, un estudante de terceiro ciclo, un representante do PAS e o equipo decanal.

De maneira paralela ao traballo de elaboración do plan de estudos, mantivéronse consultas cos decanos doutros centros (particularmente Bioloxía e Ciencias do Mar do Campus de Vigo e da Facultade de Ciencias de Ourense) e coa Vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, coa intención de unificar criterios para a elaboración da memoria e para a implantación dunha estrutura de créditos básicos comúns en todas as titulacións da rama de Ciencias da Universidade de Vigo.

Tamén de maneira paralela, mediante a asistencia do Decano da Facultade ás reunións da Conferencia de Decanos de Química, mantivéronse contactos para establecer criterios comúns que, nalgún momento, obrigaron a realizar algunhas modificacións sobre o traballo xa realizado da Comisión.

A forma de traballo adoptada pola Comisión de Elaboración do Plan de Estudos baseouse no debate aberto, sen restricións, de cada un dos diferentes aspectos do documento, tanto no seu contido como nas implicacións que comportará a súa aplicación, cuxa redacción previamente encargouse a algún membro ou conxunto de membros da propia comisión. Levantouse acta de todos os acordos de todas as sesións, que foi enviada por correo electrónico a todo o profesorado con docencia no centro, a todo o PAS e a todos os representantes de estudantes.

Ademais, informouse do desenvolvemento do traballo da Comisión en todas as Xuntas de Facultade ordinarias que se celebraron mentres durou a elaboración do Plan de Estudos.

A Comisión de Elaboración do Plan de Estudos, ao longo de 32 sesións, elaborou todos os puntos da memoria, excepto o punto 9, relativo ao Sistema de Garantía Interno de Calidade, que foi discutido e redactado pola Comisión de Calidade da Facultade. Finalmente, a Comisión de Elaboración do Plan de Estudos deu a súa aprobación por unanimidade, ao borrador da Memoria do Grao o 25 de setembro do 2008. Devandito borrador aprobouse en Xunta de Facultade o 30 de setembro de 2008. De acordo co procedemento establecido polo Vicerreitorado de Titulacións e Converxencia Europea, publicouse na páxina web do Vicerreitorado (de forma restrinxida para a comunidade universitaria), comunicándollo a todas as partes interesadas e abriuse un prazo de alegacións ata o 20 de outubro. As alegacións, despois de ser estudadas e informadas pola Comisión de Elaboración do Plan de Estudos, foron sometidas á consideración da Xunta de Facultade, que aprobou a Memoria Definitiva do Grao o 28 de outubro de 2008.

A memoria foi informada positivamente sobre a súa viabilidade pola Comisión de Organización Académica e Profesorado (COAP) da Universidade de Vigo o XXX. Tamén foi informada positivamente polo Consello Social da Universidade de Vigo o XXX. Finalmente, a Memoria foi aprobada en Consello de Goberno o XXX.

Durante a elaboración da memoria do Plan de Estudos, consultáronse os documentos elaborados pola Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) como consecuencia dos estudos realizados sobre inserción laboral dos titulados universitarios no mercado de traballo existente en Galicia.

Tamén se consultaron os documentos publicados por diversos organismos e institucións sobre a situación da industria química en Galicia.

Ademais, a comisión elaborou unha enquisa que se enviou a diferentes empresas coa intención de coñecer os seus puntos de vista sobre as competencias que debería desenvolver un estudante do grao en Química para un futuro profesional exitoso. Os resultados obtidos das devanditas enquisas non difiren substancialmente dos obtidos en estudos máis amplos publicados.