O equipo decanal da Facultade de Química manifesta o seu compromiso coa calidade, a excelencia e a mellora continua do centro e, particularmente, das titulacións impartidas no mesmo, así coma a importancia da posta en marcha dunha estratexia abordada de forma participativa e colaborativa tendo en conta a contorna do centro e os principais retos cara ao futuro.
O Programa de Desenvolvemento Estratéxico do centro estrutúrase, de xeito análogo ao Plan estratéxico da Universidade de Vigo (2021-2026), arredor de cinco eixes estratéxicos de capital importancia nacidos do espírito de servizo e de mellora que debe caracterizar unha institución xeradora e transmisora de coñecemento que, en última estancia, está ao servizo da cidadanía. A formación impartida, a relación da universidade coa sociedade, a investigación e a transferencia, a organización dos recursos propios e as persoas que a compoñen son as cinco canles polas que flúe a súa esencia vital e que representan o que lle pode ofertar á sociedade no seu conxunto.