Integrados en 11 equipos, que mesturan estudantes dos diferentes centros participantes, preto dun cento de alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO participaron este luns no campus de Vigo na V Olimpíada de Química. Organizada polo equipo decanal da Facultade de Química, coa colaboración duns 40 docentes dos centros educativos, algúns dos cuais conforman o equipo número 12 e que constitúe unha novidade nesta edición; PTXAS, persoal investigador e alumnado, a Olimpíada reuniu estudantado de preto dunha decena de centros educativos de Vigo e das comarcas do Morrazo e do Salnés.
A xornada comezou coa formación dos equipos “non por centros, porque queremos fomentar a interacción entre estudantes, evitando ademais a competitividade entre eles”, explica Ángeles Peña, decana da Facultade de Química, que deseguido iniciaron as actividades xincana, escape room e traballo no laboratorio. “Todos os grupos pasan polas diferentes probas acadando puntos, que os e as coordinadores das probas poden levar a través dunha aplicación creada por un dos docentes que colaboran coa organización”, detalla a decana da Facultade de Química.
Quen durante moitos anos foron as súas e os seus compañeiros na Facultade de Química e nomeadamente no Departamento de Química Inorgánica daban o derradeiro adeus nas últimas horas o catedrático Jorge Bravo Bernárdez. “Onte despedimos a un ser humano excepcional, que deixa unha pegada imborrable, non só na historia da Universidade de Vigo, senón tamén no corazón de quen tivemos o privilexio de compartir con el o traballo científico, a docencia e a amizade”, asegura Soledad García Fontán, secretaria do Departamento de Química Inorgánica e ex decana da Facultade.
Nacido en Vigo o 23 de abril de 1954, Jorge Bravo dedicou a súa vida académica á investigación e á xestión, ocupando os cargos de director de departamento e vicerreitor de Investigación durante o mandato de Luis Espada Recarey. Nomeado catedrático de Química Inorgánica en 2020, Bravo xubilárase no ano 2024, finalizando unha etapa na UVigo logo de décadas “dunha brillante traxectoria”, sinalan as e os seus compañeiros. “Porén, máis alá da súa brillante traxectoria, o que permanecerá na nosa memoria é a súa calidade humana. Jorge tiña unha actitude serena, respectuosa e conciliadora e en tempos complexos, sempre atopaba as palabras axeitadas, a paciencia para escoitar e a capacidade de tender pontes e construír consensos desde a máis absoluta discreción”, destaca García Fontán.
A profesora María de los Ángeles Peña Gallego continuará á fronte da Facultade de Química durante os vindeiros seis meses ao non presentarse ningunha candidatura ás eleccións ao decanato do centro previstas para o vindeiro xoves día 29.
“Seguirei en funcións e nese tempo agardo que alguén se anime a darme o relevo”, explica a docente, quen apunta que varios docentes se ofreceron a formar parte dun posible equipo decanal pero “polo de agora ningún quere asumir o cargo de decano/a”, algo no que, baixo o seu punto de vista, tamén inflúe o feito de que a nova normativa modificou a duración dos mandatos, pasando de tres a seis anos, o que en numerosas ocasións desanima aos docentes a asumir cargos de xestión.
Nestes meses o actual equipo decanal continuará o traballo realizado ao longo dos últimos seis anos e tentarán tamén “pechar algún proxecto que quedou a medias”, salienta Peña, decana da facultade desde novembro de 2019, cando substituíra no cargo ao profesor Ignacio Pérez Juste, responsable do centro desde o 2013.
Aos seus 91 anos Tarsy Carballas é unha pioneira nos estudos de degradación do solo e unha experta en prevención de incendios forestais. Manuela Barreiro, que viviu entre os anos 1887 e 1953, foi a primeira muller galega en cursar bacharelato e en licenciarse en Galicia, así como a primeira en rexentar unha farmacia. E Antonia Ferrín (1914-2009) foi astrónoma, ademais da primeira profesora de matemáticas na universidade galega. Tres mulleres que abriron camiño a moitas outras que viñeron detrás e que desde hoxe, a través das ilustracións de Abi Castillo, comparten un espazo na Facultade de Química da campus de Vigo.
“Queremos destacar o labor de científicas galegas, pouco coñecidas malia ter feito importantes achegas”, explica Ángeles Peña, decana da Facultade, que explica que o proceso de selección foi complicado, polo que pediu consello ao resto do equipo decanal “e a dúas profesoras e investigadoras tamén comprometidas coa divulgación, Rosana Álvarez e Isabel Pastoriza. Tamén contamos co apoio da vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, que nos axudou a levar a cabo o proxecto, pois encaixa cos valores de igualdade, innovación e compromiso con Galicia que ten a UVigo”.