Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A Facultade de Química da Universidade de Vigo impulsa a Olimpíada de Química para estudantado de 3º e 4º da ESO.

Que nos move nesta aventura?

  • Mostrarlle ao estudantado que está a rematar a educación secundaria que a ciencia e, en particular, a Química pode ser moi divertida.
  • Darlle a coñecer a Facultade de Química e o campus.
  • Estimular competencias como o traballo en equipo e a xestión do tempo.
  • Favorecer a interacción entre estudantes de diferentes centros.
  • Estreitar a relación cos centros de ensinanza secundaria, amosándolles outros programas nos que participa a nosa facultade como o StemBach.
  • Visibilizar á sociedade a Facultade de Química.

Como o imos levar a cabo?

Cada centro educativo poderá inscribir un máximo de entre 6 e 10 estudantes de 3º e 4º da ESO, segundo o estudantado que teña nestes cursos.

As probas realizaranse por equipos, que incluirán estudantado de diferentes centros.

A xornada, moi lúdica, terá lugar a mediados de xuño e consta fundamentalmente de dúas partes:

  • Xincana de temática química: a través de doce probas distribuídas nun circuíto polo monte próximo á Facultade de Química, o estudantado demostrará as súas habilidades tanto químicas como de lóxica e traballo en equipo.
  • Prácticas nos laboratorios docentes da Facultade de Química: os participantes traballarán nun laboratorio real e realizarán de forma autónoma prácticas adaptadas á súa idade e coñecementos.

Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo da súa participación, ademais de material da Facultade de Química.

Haberá un equipo gañador, cuxos compoñentes obterán un diploma especial e un agasallo.

Para organizar e desenvolver o evento contamos coa colaboración tanto do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos como do persoal docente e investigador.