Tras un intenso ano electoral no que a Universidade de Vigo elixiu á súa primeira reitora, Carmen García Mateo, mediante o tradicional sistema de votación en urna, a Facultade de Química converterase o vindeiro venres 27 no primeiro centro da institución en estrear o voto electrónico. A implantación deste sistema responde, ademais, a unha das promesas electorais de García Mateo, que incluíu a modernización dos procesos de votación entre os seus compromisos. Será con motivo das eleccións ao decanato, un proceso ao que concorre unha única candidatura, encabezada pola catedrática da área de Enxeñaría Química Begoña González de Prado, que, de ser elixida, substituirá no cargo a Ángeles Peña, á fronte da facultade desde novembro de 2019.
Con 64 persoas chamadas ás urnas -49 docentes, 9 estudantes e 6 PTXAS-, a cita electoral desenvolverase integramente de xeito electrónico e para poder participar é necesario contar con certificado electrónico. “Somos un centro pequeno e, polo tanto, un bo lugar para estrear o novo sistema de votación”, indica a actual decana, en funcións dende o pasado mes de xaneiro, cando xa se producira unha primeira convocatoria electoral na que non se rexistrara ningunha candidatura.
