I Olimpíada de Química para 3º e 4º da ESO
15 de xuño, 2022
9.30 h – 14.00 h
Facultade de Química
Campus de Vigo
I Olimpíada de Química para 3º e 4º da ESO
A Facultade de Química da Universidade de Vigo impulsa á I Olimpíada de Química para 3º e 4º da ESO.
Que nos move nesta aventura?
- Mostrarlle ao alumnado que está a rematar a educación secundaria que a ciencia e, en particular, a Química pode ser moi divertida.
- Darlle a coñecer a Facultade de Química e o campus.
- Estimular competencias como o traballo en equipo e a xestión do tempo.
- Favorecer a interacción entre estudantes de diferentes centros.
- Estreitar a relación cos centros de ensino secundario, mostrándolles outros programas nos que participa a nosa Facultade como o StemBach.
- Visibilizar á sociedade a Facultade de Química.
Como o imos levar a cabo?
Como parte da xornada vaise organizar nos laboratorios da Facultade de Química, queremos que nesta primeira edición non haxa máis de 80 participantes.
Cada centro educativo poderá inscribir un máximo de entre 6 e 10 estudantes de 3º e 4º da ESO, segundo o alumnado que teña nestes cursos.
As probas realizaranse por equipos, que incluirán estudantes de diferentes centros.
A xornada, moi lúdica, terá lugar o día 15 de xuño e, como se pode ver no horario proposto, consta fundamentalmente de dúas partes:
- Xincana de temática química: a través de doce probas distribuídas nun circuíto polo monte próximo á Facultade de Química, o alumnado demostrará as súas habilidades tanto químicas como de lóxica e traballo en equipo.
- Prácticas nos laboratorios docentes da Facultade de Química: os participantes traballarán nun laboratorio real e realizarán de forma autónoma prácticas adaptadas á súa idade e coñecementos.
O Plan da Xornada é:
- 9:30 a 10:00 h: recepción dos participantes na Facultade de Química.
- 10:00 h: xincana.
- 11:30 h: proba por equipos nos laboratorios da Facultade de Química.
- 13:00 h: merenda e entrega de diplomas e premios.
- 14:00 h: remate da xornada.
Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo da súa participación, ademáis de material da Facultade de Química.
Haberá un equipo gañador, cuxos compoñentes obterán un diploma especial e un regalo.
Para organizar e desenvolver o evento contaremos coa colaboración tanto do persoal de administración e servizos como do persoal docente e investigador.