Que é o Programa MEET-Química?
O programa MEET-Química forma parte do programa MEET-UVigo e é análogo ao MEET-Teleco que leva implantado varios cursos na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Este programa estendeuse á Facultade de Química e a outros centros da Universidade de Vigo, como a Facultade de Filoloxía e Tradución e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.
O programa MEET-Química é unha tripla oportunidade:
- Para o estudantado mentor porque, máis aló dos coñecementos e habilidades teórico/prácticas que se adquiren ao longo dos estudos do Grao en Química, na vosa vida laboral (e persoal) necesitaredes outras habilidades que teñen máis que ver co trato con outras persoas (clientes, xefes, compañeiros, subordinados, …) e, mesmo, co coñecemento e a xestión de vós mesmos. MEET-Química daravos unha introdución a estes aspectos e, cun enfoque eminentemente aplicado, ofreceravos a oportunidade de ter unha primeira experiencia de liderado, axudando ao crecemento persoal de compañeiros recentemente chegados.
- Para o estudantado tutelado, os mentees, porque ides contar co apoio doutros que, aínda que con máis experiencia, están moi próximos a vós, coñecen de primeira man os vosos problemas e dificultades na incorporación á universidade e están dispostos a orientarvos para que os superedes.
- Para a Facultade de Química porque mellorarán outras competencias do noso estudantado mentor, incrementando a súa empregabilidade; doutra banda, os efectos beneficiosos sobre o estudantado tutelado favorecerán a súa integración, e a súa motivación e resultados. É a oportunidade, en suma, para xestar unha cultura de organización baseada en aspectos non só académicos.
En que consiste o programa MEET-Química?
O programa MEET-Química é unha parte fundamental do Plan de Acción Titorial (PAT) da Facultade de Química.
Desde hai anos son soamente profesores os que exercen o labor de titores no PAT da facultade. A partir do curso 2016/17, tamén serán o estudantado de cursos avanzados o que se involucrará no proceso de orientación do estudantado que chega ao primeiro curso do grao. Outro cambio importante é que se selecciona e forma especificamente ás persoas que participan no programa. O estudantado novo, mentees, está mentorizado por outro estudantado, mentor, e como consecuencia lóxica mellorarán a comunicación e os resultados. Esta idea está a verse corroborada cos datos xa recollidos nas tres edicións que o programa leva funcionando na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Coa colaboración da Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado, proporcionarase formación específica para o estudantado que se ofreza, e sexa seleccionado, para o papel de mentor. Esta formación será impartida por profesionais especializadas no ámbito dos recursos humanos.
Desde o punto de vista do estudantado mentor, o proceso terá dúas etapas:
- Etapa de formación
- Etapa de mentoring
Acreditarase a formación recibida e a actividade de voluntariado levada a cabo. Ademais, solicitarase á universidade a concesión de créditos ECTS para o estudantado mentor do grao.
Calendario da etapa de formación
As datas non son aínda definitivas, pero haberá 6 sesións de formación en xuño polas mañás e dunhas 4.5 horas de duración que comezarán de maneira inmediata ao rematar os exames de maio. En setembro haberá 5 sesións adicionais dedicadas a un repaso da formación previa ao verán, á comunicación e ao mentoring.
Ao longo do curso haberá tamén obradoiros de seguimento e orientación para os mentores.
Nota: as datas de setembro e as dos obradoiros de seguimento dependerán do calendario oficial da universidade. Comunicaranse con suficiente antelación.
Calendario da etapa de mentorización
Programaranse, en horario compatible, 4 reunións por cuadrimestre entre mentores e mentees. As datas concretas dependerán do calendario académico definitivo e comunicaranse con suficiente antelación.
A que se comprometen os mentores
Se te apuntas como mentor, os teus compromisos concretos son os seguintes:
- Asistir aos cursos e obradoiros de formación.
- Liderar as reunións cos mentees e cubrir as actas que delas deriven.
- Asistir e participar nas reunións de coordinación de mentores.
Quen pode ser mentor
Para ser mentor esixiranse algúns requisitos. Non é posible ofrecer esta oportunidade de formación a todo o estudantado da facultade, polo que se fará unha selección entre todos aqueles que manifestedes o voso interese en participar no programa. As condicións básicas son:
- Estar a cursar actualmente 2º ou 3º curso do Grao en Química.
- Ter dispoñibilidade para participar na fase de mentoring (non a terás, por exemplo, se vas participar nalgún programa de mobilidade —Erasmus, ISEP, Séneca, …).
Darase prioridade ao estudantado que estea máis avanzados nos seus estudos. En caso de necesidade podería recorrerse a unha entrevista persoal de selección.
Onde apuntarse
Se desexas participar como mentor debes cubrir este breve formulario (MEET-Química) . Unha vez elixidas as persoas candidatas, comunicarásevos persoalmente o resultado da selección.
Máis información
Se desexas máis información sobre o programa MEET-Química podes dirixirche ao Decanato da Facultade onde trataremos de aclarar todas as túas dúbidas.