A metodoloxía analítica convencional para detectar contaminantes químicos en ecosistemas marítimos implica certa rixidez no proceso, xa que as mostras se recollen in situ pero deben ser transportadas a laboratorios en terra para a súa análise. Este procedemento só permite unha información a tempos fixos e poden xurdir erros na estabilización e conservación de mostras, ademais do feito de que se traballa con instrumentación centralizada de alto custo de adquisición e mantemento e persoal técnico altamente cualificado. Fronte a esta metodoloxía xurdiron nos últimos tempos o que se deu en chamar miniaturización dos sistemas analíticos con deseños máis robustos e transportables, que permiten a monitorización no propio lugar e en tempo real dos diferentes parámetros químicos de interese. Unha destas propostas é a que está a deseñar o grupo QA2 (Química Analítica Ambiental e Toxicoloxía), pertencente ao Departamento de Química Analítica e Alimentaria, integrado no Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, e coordinado polo investigador Carlos Bendicho no marco do proxecto Sistemas analíticos innovadores baseados en receptores nanoestruturados sobre substratos (nano)celulósicos para a detección de sustancias de interese ambiental. O estudo, seleccionado dentro da Convocatoria Retos de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación, ten catro anos de duración e baséase no emprego de substratos de celulosa como material para o deseño e construción de novos sensores (paper-based analytical devices ou PADs).
Investigadores do CIM deseñan sensores desbotables, de baixo custo e portátiles para detectar contaminantes químicos
O proxecto baséase no uso de substratos de celulosa para a fabricación destes sistemas analíticos